Política Lingüística e Xuventude dan a coñecer as creacións premiadas en Lingua de Namorar

mércores, 21 de abril do 2021 S. P.

Presentación por vídeo-conferencia da nova edición do certame

Este 21 de abril déronse a coñecer os nomes das mozas e mozos premiadas/os no certame Lingua de Namorar, destinado a premiar as máis destacadas e creativas declaracións de amor na Rede, co engadido extra (un engadido salientábel) de estar plasmadas en galego. Segundo fixeron saber as entidades organizadoras do concurso (a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude), a décima edición de Lingua de Namorar obtivo unha importante participación na votación da nova categoría Instagram.
Así, na categoría A (de 14 a 19 anos) resultaron gañadores os textos Penso en ti (María Rey Villar, A Coruña), Sol e Lúa (Lucas Paz González, A Coruña) e Marfil do meu corazón (Diego Santos Santos, Ribeira); mentres que na categoría B (de 20 a 35 anos) foron elixidos polo xurado Rea(r)mar (Lara Álvarez Álvarez, Redondela), O fío da vida (Leticia Cid Cid, San Cibrao das Viñas) e KÓX3G∆S (Andrea López Otero, Pantón).
Na nova categoría IG acadou a maioría de gústames do público (un total de 765) de entre as seis mensaxes participantes elixidas polo xurado o texto Saudando a vida (José María Trigo González, Cambados).
Nas dúas primeiras categorías o primeiro premio é unha bicicleta eléctrica, o segundo unha tableta de 10,1 polgadas e o terceiro unha cámara deportiva. No caso da terceira categoría, o premio é único, unha bicicleta eléctrica. O acto de entrega dos galardóns está previsto para o mes de maio en Santiago de Compostela
Tanto as mensaxes gañadoras coma as outras 267 participantes, que foron votadas por preto de 2449 internautas (2309 deles, na fase de votación da nova categoría IG), están dispoñíbeis na web institucional da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

PUBLICIDADE