Preparan un mando a distancia para disparar fotografías co móbil

mércores, 17 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Para sacar fotografías de grupo ou auto-fotos co móbil temos normalmente que estirar o brazo e adoptar posturas moi incómodas sen chegar a conseguir unhas fotografías coa calidade desexada, e para corrixir tal problema dende Muku Labs propoñen o uso dun trípode en conxunción cun accesorio da súa invención: un disparador remoto para o móbil que funciona por Bluetooth. O Shuttr sería un pequeno dispositivo (que ata pode levarse como chaveiro) compatible co iPhone, iPod Touch, iPad, iPad mini, Samsung Galaxy S4/S3/Note 2/Note Tab 8.1/Note Tab 10.1 e LG Nexus 4 (e moitos outros móbiles que funcionen como mínimo con Android 4.1 e Bluetooth 3.0) que, sen precisar de ningunha aplicación específica, pode disparar unha fotografía dende o noso móbil con premer un botón físico.
Aínda que moitas cámaras conten coa opción de disparo programado, dende Muku consideran máis atinado sacar as fotografías de xeito manual, especialmente ante escenas familiares, nas que é difícil manter aos cativos quietos fronte a cámara máis de 2 segundos.
O Shuttr de Muku mide 61 x 26 x 6 milímetros, pesa 10 gramos, funciona cunha pila RC2025 (que debería darlle unha autonomía duns 2 anos de apagar o dispositivo cando non estea a usarse) e que verá a luz no mes de setembro grazas a un proxecto de micromecenado en Kickstarter que conseguiu o éxito en poucos días e ao que aínda pódese contribuír para poder facerse cun destes accesorios por dende 29 dólares (que con gastos de envío quedaría nuns 26,66 euros). O mando a distancia entregarase cunha ventosa que fai de base de suxeición, facilitando que poidamos colocar o móbil sobre unha superficie lisa para poder topar fotografías sen ter que contar cun trípode.


Vídeo de presentación do Shuttr de Muku Labs

PUBLICIDADE