Prohiben a venda do teclado Typo nos EE.UU.

luns, 31 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Co apoio da celebridade norteamericana Ryan Seacrest intentouse levar ao mercado o Typo Keyboard, unha funda para o iPhone 5/5S que dotaba ao móbil de Apple dun teclado físico na liña do que presentan os terminais de BlackBerry, o que levou á compañía canadense a tomar medidas contra a súa comercialización, e parece que van facerse coa súa, pois conseguiron convencer a un xuíz de que Typo podería infrinxir as súas patentes, polo que ditaminou unha suspensión temporal das súas vendas, o que practicamente bloquearía a súa chegada ao mercado.
Dende BlackBerry sosteñen que o deseño dos seus teclados é un factor decisivo do éxito que tiñan os dispositivos da súa marca, do que estaría a aproveitarse Typo para captar os usuarios que gustan dos teclados físicos e que non queren prescindir das prestacións dun iPhone. Dende Typo apelarán á decisión xudicial (intentan demostrar a nulidade das patentes de BlackBerry sobre o deseño de teclados físicos para móbiles), pero as semellanzas entre os teclados de BlackBerry e o deseñado pola nova compañía resultan innegables.
De todos os xeitos, non parece que o teclado Typo vaia ser unha ameaza real para BlackBerry se atendemos ás súas primeiras críticas, que detallan erros de deseño (bloquea o lector de pegadas dixitais do móbil) e dan conta dun acabado mellorable e dunha resposta pouco eficiente, considerando que pode escribirse máis rápido no teclado táctil do móbil (algo que acentúase enormemente no caso de móbiles con pantallas máis grandes, onde as pantallas táctiles con moito máis cómodas que un teclado físico de pouca calidade).

PUBLICIDADE