PuntoGal e Política Lingüística levan ao alumnado do CIFP Leixa ao Museo do Pobo Galego

xoves, 15 de febreiro do 2024 S. P.

Alumnas e alumnos do CIFP Leixa de Ferrol visitaron este xoves 15 de febreiro o Museo do Pobo Galego de Santiago para coñecer a fondo o traxe tradicional galego. Os estudantes recolleron documentación para reinterpretar o traxe tradicional galego nun concurso organizado por PuntoGal co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Neste certame distinguiranse as mellores propostas de revisitación do noso traxe galego.
O grupo do centro ferrolán estivo acompañado por profesorado e membros do equipo directivo do centro, así como polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
O concurso de deseño propón a creación dunha serie de bonecas de papel nas que se reimaxinen as pezas máis emblemáticas da vestimenta tradicional, adaptadas ao mundo actual e tendo en conta os cambios en materiais, expectativas e roles sociais das últimas décadas. Os modelos premiados serán producidos de xeito industrial e distribuídos no Museo do Pobo Galego.
A visita foi conducida por Belén Sáenz-Chas, responsábel da colección, e buscou familiarizar os concursantes cos diferentes elementos de vestiario, a través de pezas expostas nas salas do museo e doutras que forman parte do arquivo e que normalmente non son accesíbeis para os visitantes.
O concurso resolverase no mes de maio e a produción dos materiais impresos terá lugar antes do verán.
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da Rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día hoxe hai máis de 7000 dominios .gal rexistrados.

PUBLICIDADE