R e o Círculo de Empresarios de Galicia volven xuntan forzas para impulsar a transformación tecnolóxica da nosa terra
martes, 23 de marzo do 2021
Patricia
García González, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia,
e Isidro Fernández de la Calle, director corporativo Empresas de R e
do Grupo Euskaltel asinaron na sede do operador galego na Coruña, a
renovación do acordo que converte a R en “patrocinador
institucional protagónico” do Círculo. O acordo, formalizado este
23 de marzo pola mañá, ten o obxectivo de seguir unindo forzas para
“potenciar conxuntamente iniciativas que xeren valor no tecido
empresarial galego e que favorezan o desenvolvemento económico da
Comunidade”.
Segundo
fixeron saber, o programa de actividades e os proxectos que
desenvolverán R e máis o Círculo este ano aplicarán todas as
medidas de seguridade requiridas e adaptarán os formatos das
devanditas accións ás necesidades actuais, “aproveitando en todo
momento as oportunidades e vantaxes que ofrece a contorna dixital”,
sinalaron, engadindo que o programa incluirá encontros presenciais,
actividades virtuais (online) e eventos que combinarán a
interacción en ambas as dúas modalidades.
Patricia
García destacou que o acordo deste ano “ten máis sentido que
nunca, pois esta crise tennos abocado a acelerar a dixitalización
das empresas, e mesmo das familias, pero quedan algúns ocos, sobre
todo en materia de seguridade, que cómpre cubrir”. E engadiu:
“Iniciativas como este convenio son vitais para o coñecemento e
difusión de factores que agora pasan a ser clave na estratexia das
empresas”.
Pola
súa banda, Isidro Fernández de la Calle considera “esencial
manter viva a colaboración entre R e o Círculo, unha alianza
colaborativa que xa ten un percorrido do cal nos sentimos moi
orgullosos. Basicamente porque mantemos intacto o espírito
compartido de axuda á contorna empresarial galega con iniciativas de
valor, proxectos formativos e asesoramento que redunda, sempre, no
desenvolvemento de calquera empresa ou negocio e, ao final, da nosa
economía e da nosa sociedade”.
R e
o Círculo organizarán conxuntamente catro encontros empresariais
dirixidos a empresarios/as e executivos/as- e conducidos por un/a
convidado/a referente na súa actividade que compartirá a súa
experiencia e coñecemento co auditorio para tentar mellorar o modelo
de negocio das empresas galegas, adaptándose aos cambios no mundo
dixital e tecnolóxico.
Falarase
de Realidade Aumentada e Virtual, chatbots, Internet das
Cousas (IoT), Big Data, cadea de bloques (blockchain)
ou cibersegurirdade.
Algúns
destes temas constituirán a cerna da cuarta edición do Foro de
Ciberseguridade do Círculo, no que vai participar R. No encontro
analizarase con detalle o contexto en que se moven as empresas na
actualidade, os riscos que corren na Rede e a necesaria
concienciación e cambios que debe experimentar a organización dunha
maneira transversal para enfrontarse e protexerse na nova conxuntura.
R
será novamente protagonista nunha xornada dedicada aos principais
retos e tendencias da economía e os mercados globais, no marco deste
novo convenio asinado co Círculo. Neste caso a idea é recalar en
asuntos de “gran proxección a día de hoxe”, ligados aos
desafíos económicos aos que nos enfrontamos e ás tendencias
internacionais nestes ámbitos.
Ademais,
o operador galego colaborará institucionalmente nun ciclo de
encontros enmarcados no programa As mulleres na empresa actual
dedicados a iniciativas de igualdade de xénero na empresa: A
muller, no centro do cambio empresarial, O papel das mulleres
na actividade empresarial, un alicerce de presente e de futuro,
Mulleres directivas e emprendedoras, Mulleres no ecosistema
emprendedor tecnolóxico, Inspirando casos de éxito en
diversidade de xénero e Mulleres tecnolóxicas: o reto do
STEAM.