Razer presenta o seu novo mando arcade para Xbox One

luns, 14 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos de loita que teñan unha Xbox One posiblemente teñan xa botado o ollo ao produto que vén de incorporar ao seu catálogo Razer, e que nos vindeiros días sairá á venda por 199,99 euros. Trátase do mando arcade Razer Atrox, un completo mando que replica con grande fidelidade os mandos que tiñan os xogos de loita nos salóns recreativos, para conseguir reflexar con fidelidade as ordes do xogador, e que, aparte dunha panca de control, tamén conta con 10 botóns, dos que os situados na súa parte superior son totalmente intercambiables, de xeito que poderán personalizarse a gusto do xogador.
Este mando emprega compoñentes físicos Sanwa, ou sexa elementos propios de máquinas recreativas reais, conseguindo así non só a precisión que os xogadores máis esixentes buscan, senón tamén unha grande resistencia, algo moi demandado entre os afeccionados aos xogos de loita, que tratan con bastante intensidade o seu hardware.
O panel superior do Razer Atrox é personalizable, e o seu interior está accesible de xeito doado para que o usuario poida intercambiar o joystick e os botóns adaptándoos ao seu estilo, sendo tamén un produto moi apto para o modding, que incluso incorpora un compartimento interior para poder gardar accesorios que poidan aproveitarse para pequenos arranxos e modificacións cando saquemos o mando da casa para, por exemplo, participar en torneos.
Para unha grande comodidade e versatilidade, o mando inclúe un cable de 4 metros USB desmontable, con bloqueo de rosca para unha conexión segura.

PUBLICIDADE