Realme incorpora pantallas a 90 Hz en smartphones económicos

xoves, 5 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Actualmente están a ter moi boas vendas en España os móbiles da marca Realme, entre os que destacan moi especialmente os Realme 5 e Realme 5 Pro, por seren dispositivos cuns prezos moi axustados e unhas prestacións que cobren as necesidades da meirande parte de usuarios. Pero estes teléfonos presentados o pasado verán xa teñen sucesores, os Realme 6 e Realme 6 Pro, que sairán inicialmente á venda na India e que espérase que cheguen pronto ao noso territorio incorporando unha funcionalidade nada frecuente en smartphones económicos: unha pantalla cunha velocidade de refresco de 90 Hz.
O Realme 6 é un smartphone cun procesador Helio G90T, até 8 GB de RAM, até 128 GB de almacenamento interno, cámara traseira cun sensor principal de 64 Mpíxeles (apoiado por un ultra grande angular de 8 Mpíxeles, un obxectivo en branco e negro que busca mellorar o modo retrato e un obxectivo macro capaz de disparar fotografías a unha distancia de só 4 centímetros), pantalla de 6,5 polgadas Full HD+ cun refresco de 90 Hz e un orificio para albergar unha cámara frontal de 16 Mpíxeles, conta cun lector de pegadas dixitais nun lateral e a súa batería de 4.300 mAh conta con carga rápida de 30 watts (completa unha carga en só 55 minutos). Funciona con Realme UI baixo Android 10, é resistente a salpicaduras e dentro duns días sairá á venda por 12.999 rupias (156 euros) con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, a 14.999 rupias (181 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, e a 15.999 rupias (192 euros) con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
O Realme 6 Pro, pola súa banda, destaca por ter unha configuración un pouco máis esixente, de xeito que estará equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 720G e no orificio en pantalla alberga unha cámara principal de 16 Mpíxeles e unha cámara de ultra grande angular. Venderase por 16.999 rupias (204 euros) con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno; por 17.999 rupias (217 euros) xa podemos optar por un modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento; e, finalmente, por 18.999 rupias (229 euros) temos ao móbil con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento. Temos así un produto que facilmente podemos entendelo como un smartphone gaming pola súa configuración, que grazas a un prezo tan axustado poida axudar a democratizar elementos como as pantallas de alta velocidade de refresco nos móbiles.

PUBLICIDADE