Rebeca Díaz renova cargo como directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

xoves, 14 de marzo do 2024 S. P.

A catedrática do Departamento de Enxeñaría Telemática Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación desde marzo de 2021, manterase outros seis anos á fronte deste centro tras renovar este mércores a confianza da xunta de escola nunha xornada electoral na que acudiron as votacións 85 persoas (das 131 que estaban chamadas ás urnas), rexistrándose 58 votos a favor, 21 en contra e seis votos en branco.
Díaz inicia unha nova etapa na que unha das prioridades será rematar a reforma do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e o Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación, e na que tamén se fará fincapé na captación de alumnado e na internacionalización. Xunto a ela terá un equipo directivo formado por Pedro Comesaña Alfaro, Verónica Santalla del Río e Ana María Cao Paz, como subdirectores/as, e Pedro Salvador Rodríguez Hernández como secretario.
Unha vez rematada a reforma do grao e do mestrado, a dirección da escola anunciou que tratará de avanzar na oferta de dobres mestrados, combinando o Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación con outros ofertados no centro, entre eles o Mestrado en Internet das Cousas e o Máster en Ciberseguridade, así como con outros títulos da UVigo.
No plano da internacionalización, Díaz explicou que este ano asinouse un acordo de dobre titulación entre o Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación e o Master of Science in Electronics and Telecommunications da Lodz University of Technology, de Polonia, e a idea é seguir ampliando este tipo de colaboracións.
Ademais, a EET conseguiu estender a súa rede de intercambio con dous proxectos KA171: un centrados nos países da zona dos Balcáns occidentais e outro en Palestina e, nesta nova etapa, tratarán de ampliar este rede de intercambios a países como Exipto e Xordania. “O Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación que ofertamos en inglés está tendo éxito nestes países de fóra do Espazo Europeo de Educación Superior, polo que seguiremos tratando de captar alumnado nestas zonas xeográficas”, recalca Díaz.
Respecto á captación de alumnado, a dirección da escola puxo en marcha diferentes iniciativas dirixidas a visibilizar esta titulación entre o alumnado pre-universitario, as súas familias e o seu profesorado. Ademais das liñas xa abertas, como as Olimpíadas de Teleco, os LPRO Days, ou as xornadas de portas abertas, teñen xa “bastante avanzado” o lanzamento dunha nova iniciativa na que contarán co apoio das empresas que forman parte de conexionTeleco, rede de entidades que colaboran habitualmente co centro en numerosas actividades, tanto ofertando prácticas profesionais como colaborando co patrocinio de premios e axudas.
A colaboración das empresas, do alumnado e do persoal docente e investigador do centro, será tamén esencial para unha das medidas que xa ten en mente este novo equipo directivo: un programa de mentoring pensado “para que calquera estudante do centro, especialmente os que acaban de chegar ou que levan pouco tempo, poidan recorrer a unha figura de confianza que os asesore”.

PUBLICIDADE