Remata o Festival Play-Doc de Tui, entre multitudes

luns, 26 de marzo do 2007 Raquel Noya

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, celebrado na pasada fin de semana e que un ano máis nos achegou a Galiza o máis innovador deste xénero dentro e fóra das nosas fronteiras, non defraudou. As máis de tres mil persoas que asistiron ás proxeccións desta terceira edición, foron testemuñas da alta calidade dos documentais que entraron a concurso e que conseguiron seducir a un entregado xurado integrado por Goran Radovanovic, Dominique Abel, Ana Isabel Santos Strindberg, Sebastián Talavera Serrano e Pepe Coira, que exerceu de presidente.
Na categoría de Longametraxes, o documental gañador, The mother´s house, de François Verster conmoveu ós asistentes “pola súa mirada coa que observa unha historia complexa, inzada de ira, odio e tenrura”; foi obsequiada cun premio de 3.000 euros e co trofeo de Play-Doc.
En Curtametraxes, o xurado concedeu o primeiro premio ex aequo a A girl named Kai de Kai Ling Xue e a I want to be a pilot de Diego Quemada-Díez; con cadanseu trofeo Play-Doc e premio metálico de 500 €.
Na sección Atlántico, onde competían só producións galegas e portuguesas, o premio de 2000 € recaeu en Ainda ha pastores? de Jorge Pelícano ó ser considerada polo xurado como “unha película feita dende o corazón e que gardará memoria dun mundo que desaparece”.
O Premio Foco Galicia outorgado polo Consorcio Audiovisual ós documentais galegos, outorgou un galardón de dous mil euros a Bs As de Alberte Pagán.
Por outra banda, o Premio Especial TVG, consistente no compromiso de compra por parte da Televisión de Galicia dos dereitos de emisión da proxección recaeu en Sisters in law e o último premio, o Play Avid Doc, no que competiron cinco equipos que gravaron ó longo do festival un documental sobre a fronteira, recaeu en Historias de la línea azul dos irmáns Joaquín e Lautaro Mateo Morales.
Respecto das dúas edicións anteriores do Play-Doc, o número de asistentes este ano incrementouse nun 30 por cento, unha cifra que non fai máis que amosar a boa acollida que ten o festival entre o público, que segue a respaldar e apostar pola boa traxectoria do audiovisual galego.

PUBLICIDADE