Ricky Martin e Microsoft, xuntos para protexer ós nenos en Internet
xoves, 9 de agosto do 2007
Ricky Martin semella que quere ofrecer ó mundo algo máis que música (?), do mesmo xeito que a multinacional Microsoft parece especialmente interesada nos últimos tempos en deixar máis pegada que a estritamente informática e (tamén) a estritamente pechada. Vémolo no portal navegaprotegidoeninternet.com, un espazo web que con independencia das verdadeiras intencións do cantante portorriqueño (este apoio ás causas humanitarias sae dunha vontade de axudar ós demais ou dun interese por axudarse a si mesmo?), apunta a traballar por unha causa xusta: a de protexer ós nenos na Rede, ese gran espazo virtual que non é nin moito menos o caldo de cultivo de pederastas que os medios queren facer ver, pero que tampouco é jauja. O caso é que o obxectivo desta iniciativa a dúas bandas é ben claro: pórlle fin ós abusos á nenez na Internet e informar ós país sobre métodos para controlar a navegación dos cativos na dita plataforma.
Para a fundación que dirixe o cantante, o problema é máis grave do que semella a primeira vista: un de cada cinco nenos foron vítimas algunha vez de proposicións de tipo sexual durante unha sesión pola Rede. O proxecto inclúe un orzamento de 200.000 dólares para a súa primeira fase, achegados por Microsoft. Para comezar, os responsables da iniciativa xa lles lanzaron a seguinte mensaxe a todos os nenos do planeta que, ademais de seren nenos, son internautas: “Cómpre no falar con estraños, non dar información persoal e consultar a pais ou titores se a conversa se convirte en algo incómodo”.
