SIVSA fornece máis de 5.000 novos ultraportátiles para os colexios de Abalar

xoves, 30 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Os novos ultraportátiles de Abalar nunha imaxe de David Romero para Que pasa na costa

A empresa galega SIVSA, histórico referente tecnolóxico na nosa terra (foi fundada en 1987), está a abastecer os nosos colexios públicos con equipamentos avanzados para seguir impulsando e ampliando o concepto de aula dixital, un fornecemento que anunciamos a finais de 2017 dende Código Cero salientando a cifra de computadores a subministrar: 14.600 computadores. Agora, SIVSA informou da entrega de 5.400 ordenadores ultraportátiles para os colexios galegos participantes durante o vindeiro curso no proxecto Abalar E-Dixgal, impulsado pola Xunta (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA) co obxectivo de “facilitar o acceso ás novas ferramentas na aula”.
Esta nova actuación forma parte do terceiro contrato derivado da adxudicación para a subministración e mantemento dos equipos outorgado a SIVSA en 2017, e asinado o pasado mes de xullo por un importe de 2.519.772 euros.
Segundo informa a empresa con sede en Vigo, esta nova adxudicación abrangue tamén o soporte técnico durante o vindeiros cinco anos. A solución ofrecida incorpora un hardware HP deseñado e fabricado especificamente para o ámbito educativo, unha solución, en palabras de SIVSA, que por segundo ano consecutivo consolidouse como “a mellor opción para optimizar as competencias dixitais dos estudantes galegos”.
A empresa, no apartado técnico, explica que os equipos dispoñen dun procesador de última xeración de alto rendemento, que permite aos alumnos utilizar os programas, contidos dixitais e ferramentas máis avanzadas. “Amais, están dotados dunha pantalla táctil que permite que poidan ser empregados como tabletas e un lapis apuntador de gran utilidade na dinámica da educación con soporte dixital”, engade SIVSA.

PUBLICIDADE