Samsung estrea nos EE.UU. un novo móbil con Windows Phone e LTE
xoves, 10 de maio do 2012
Aínda que Nokia parece ser o líder dos móbiles con Windows
Phone, outros fabricantes non parecen darse por vencidos, e veñen de confirmar
que o rumoreado móbil Samsung SGH-i667 alcumado como Mandel finalmente vai chegar o vindeiro día 20 aos EE.UU. coa
operadora AT&T co nome de Focus 2 e a un prezo de só 49,99
dólares (cunha permanencia de 2 anos), o que é unha oferta moi agresiva,
pois estamos ante un terminal de gama media-alta con conectividade LTE.
O Samsung Focus 2 funciona cun procesador a 1,4 GHz, pantalla Super AMOLED de 4
polgadas, cámaras de 5 Mpíxeles e VGA (para videoconferencia), 8 Gb de almacenamento,
un grosor de 10,98 milímetros, sistema operativo Windows Phone 7.5 e a
posibilidade de funcionar como punto de acceso Wi-Fi para compartir a súa banda
larga móbil con ata 5 dispositivos sen fíos.
Temos así que os móbiles co sistema operativo de Microsoft comezan a ser unha
opción a ter en conta á hora de elixir terminal, aínda que é de agardar que
esta tendencia se acentúe tras o lanzamento de Windows 8.