Samsung presenta un localizador baseado en redes móbiles de banda estreita
luns, 16 de outubro do 2017
Dende hai anos temos no mercado localizadores
que poder colocar en obxectos que non queremos extraviar, estando boa parte
destes trebellos baseados en tecnoloxía Bluetooth, pero Samsung está a levar
esta tecnoloxía a unha nova xeración, e hoxe presenta o Samsung
Connect Tag, un pequeno trebello que podemos enganchar en obxectos valiosos
ou na mochila dun cativo ou na correa dun can, facilitando así a súa
localización tanto en interiores como en exteriores, xa que esta solución é a
primeira no mercado de consumo en funcionar utilizando a tecnoloxía de rede de
banda estreita (NB-IoT de categoría M1) deseñada para comunicación móbil de
consumo de enerxía e datos reducidos.
Este dispositivo pode traballar con GPS, posicionamento mediante Wi-Fi ou
incluso mediante información móbil, conseguindo localizar en interiores e
exteriores con precisión, e podendo gozar de funcionalidades como as xeo-balizas,
o que facilita o envío de notificacións cando o fuxe o can e o cativo volve da
escola, así como tamén permitiría que ao achegarse a unha zona en concreto os
sistemas domóticos puidesen entrar en acción e, por exemplo, prendesen as luces
do fogar. Incluso podería deixarse un destes dispositivos no vehículo para a
súa doada localización cando o deixemos nun enorme aparcadoiro.
O Samsung Connect Tag mide 42,1 x 42 x 11,9 milímetros, pesa 25 gramos, integra
GPS, Wi-Fi, Bluetooth e micro USB 2.0, batería de 300 mAh (que achegaría até 7 días de autonomía cunha única carga) e eSIM (para conectarse
a redes móbiles), é resistente á auga e funciona con Tizen IoT, sendo compatible
con dispositivos con Android 6.0 ou superior a través dunha aplicación móbil.