Santiago envórcase co lecer no fogar baixo o cancelo #Compostelaquedanacasa
luns, 30 de marzo do 2020
O Concello de Santiago activou unha campaña nas
redes para agrupar todo tipo de propostas de actividades culturais e
sociais nas que se participar de cheo, grazas ás novas ferramentas
dixitais, en tempos de reclusión e restricións por mor do COVID-19.
Baixo
o cancelo #Compostelaquedanacasa, o Goberno local ofrece á
veciñanza unha chea de recursos docentes, culturais e deportivos
que se están a por a disposición das familias e dos nenos e nenas
para que, nas súas palabras, “o tempo de confinamento se converta
en tempo de ocio”.
A longa listaxe de propostas comeza cos
recursos do Departamento de Lingua do Concello de Santiago, e
prosegue con, entre outras actividades, Atopando
Compostela, un xogo en liña para coñecer a riqueza que encerran
os nomes de lugar mentres nos movemos virtualmente polo municipio
compostelán. A listaxe tamén inclúe outras importantes actividades
como Conto
Viaxeiro (libros dixitais escritos e ilustrados colectivamente
dende as aulas dos centros de Santiago, historias en vídeo e máis
propostas para facer na casa con nenos e nenas de Primaria),
Enreguéifate
(unha proposta para a mocidade que ten obxectivo de encher a Rede de
regueifas e, ao mesmo tempo, preparar algunha para a convocatoria do
certame deste ano), Youtubeir@s
(vídeos nosos para encher de creatividade audiovisual galega as
redes sociais) e Apego
(recursos de todo tipo para as parellas que están agardando un
bebé, entre os que atoparemos información sobre o ben que lles fai
falarlles en galego aos nenas e nenos dende idades temperás).
CompostelaCreanaCasa
Pola súa banda, o Departamento de Mocidade, a través dos seus perfís oficiais en redes sociais e os perfís do Centro Xove da Almáciga lanzou a iniciativa #CompostelaCreanaCasa para animar á mocidade creativa de Santiago a compartillar o seu talento creativo con vocación “lúdica e formativa”. Esta actividade xa acadou máis dunha decena de participacións. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Concellería de Mocidade en Facebook , Twitter ou Instagram e enviar o seu vídeo a través de sistemas para compartir contidos como WeTransfer, Dropbox ou Google Drive.