Santiago lanza un xeoportal con exhaustiva información urbanística, administrativa e catastral

mércores, 25 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

O Concello de Santiago vén de habilitar na súa web municipal un servizo directamente encamiñado a que os cidadáns-internautas coñezan polo miúdo a relación que ten cada inmóbel ou leira coas administracións, amais das súas características, disposición e cualidade urbanística; favorecéndose o coñecemento sobre cada lugar e facilitándose ao máximo o seu achado coa axuda das tabletas, smartphones ou computadores. Estamos a falar do novo Xeoportal do Concello de Santiago, en palabras do Goberno local “unha ferramenta que fai accesíbel para toda a cidadanía a información xeográfica relativa ao municipio”. O servizo, un visor dixital, foi dado a coñecer polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, que estivo acompañado polo xefe da sección de Cartografía do Concello de Santiago, Rogelio Canedo. Segundo fixeron saber, o Xeoportal é froito de meses de intenso traballo: un traballo encamiñado a conseguir que a xente teña no camiño os mínimos atrancos para obter información.
Jorge Duarte apuntou que, a través do visor, “institucións, profesionais e cidadanía en xeral poderán coñecer en detalle cuestións como cal é a cualificación urbanística dunha finca determinada, cal é a administración titular dun viario ou cal é a área de influencia de cada colexio da cidade”. Duarte tamén fixo fincapé na natureza evolutiva do portal, “un instrumento vivo que se irá cargando de información a medida que vaia xurdindo”. Segundo fixo saber, a día de hoxe o servizo ten incorporados máis de 300 documentos urbanísticos e todas as ortofotos realizadas dende 2001 a 2014 no Concello de Santiago.
Pola súa banda, o xefe da sección de Cartografía do Concello salientou a sinxeleza e utilidade do portal, seguindo a liña das esixencias estipuladas polas actuais directivas europeas e pola lexislación española, que establecen que a información cartográfica ten que ser accesíbel e de balde para a cidadanía.
Máis detalles
O Xeoportal do Concello de Santiago está artellado en seis apartados, unha disposición que responde á necesidade de “facilitar a navegación dos usuarios e usuarias”. Conta cun visor web xeral, unha serie de visores destacados “feitos á carta”, unha ferramenta para a descarga de información, un apartado centrado no planeamento urbanístico, unha sección de ligazóns a outras infraestruturas de datos espaciais, e unha sección de Servizos OGC, máis dirixida a profesionais.
Segundo explicaron, o visor xeral permite acceder a un mapa base do Concello de Santiago, no que se poden activar distintas capas de información. Entre as vantaxes principais desta ferramenta específica inclúese un xeolocalizador que elaborado polo propio Concello que, en palabras de Duarte e Canedo, “fornece de datos máis exactos sobre o municipio que outros buscadores dispoñíbeis”.
No que atinxe á posibilidade de facernos con información para os nosos discos duros, o Xeoportal permite descargar e preparar para a impresión cartografía relativa á localización da rede de transporte, das distintas redes de servizos, ou mesmo do mobiliario urbano. Tamén se poden descargar diferentes planos de Santiago, dende 1783 até 1984.

PUBLICIDADE