Satechi actualiza a súa base para ampliar a conectividade e o almacenamento dos Mac mini

xoves, 11 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Unha das principais preocupacións á hora de mercar un Mac mini ou un Mac Studio está na súa configuración inicial, xa que ao ser equipos con memoria unificada non é posible ampliar a RAM nin o almacenamento SSD despois. Resulta bastante complicado acadar certo equilibrio, xa que Apple incrementa de xeito estratosférico o prezo das ampliacións, de xeito que, por exemplo, pasar de 256 GB de SSD a 2 TB de SSD supón un sobrecusto de 920 euros, algo difícil de xustificar cando unha unidade SSD Samsung 980 Pro de 2 TB pode chegar a atopar por 120 euros.
Para solucionar este problema Satechi vén de actualizar o seu concentrador e soporte para Mac mini e Mac Studio que integra unha rañura NVMe, ou sexa, que serve para incrementar considerablemente a capacidade de almacenamento dos equipos a un prezo asumible, á vez que mellora a conectividade incorporando unha cea de portos.
Este accesorio, que vén de pórse á venda nos EE.UU. por 99,99 dólares, pode colocarse a xeito de base dos ordenadores de sobremesa de Apple, e conectarse aos mesmos cun cable USB-C pola súa parte traseira, empregándose tal conexión para que a unidade SSD M.2 que alberguemos no seu interior poida comunicarse a velocidades de até 10 Gbps, incorporando de paso na parte dianteira do equipo informático un lector de tarxetas de memoria SD e microSD, toma para auriculares, 2 portos USB-A 3.2 de até 5 Gbps, 1 porto USB-A 3.2 de até 10 Gbps e un porto USB-C de até 10 Gbps, o que fai que os pequenos Mac mini poidan competir en conectividade con equipos en formato de torre.
Este concentrador USB con lector de unidades NVMe ten un deseño que encaixa á perfección en tamaño e cor cun dos equipos de Apple, converténdose así nun dos accesorios máis recomendables de querer mellorar a conectividade e gozar de maior almacenamento a grande velocidade.

A base de Satechi tamén é compatible cos potentes Mac Studio

PUBLICIDADE