Seis estudantes da UDC, premiados cun portátil por facer a matrícula na Rede

venres, 2 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Vicerreitoría de Organización Académica da Universidade da Coruña sorteou esta semana seis computadores portátiles entre todos os alumnos que este ano fixeron emprego das novas tecnoloxías na súa comunicación coa UDC, máis concretamente para matricularse vía Internet. Ademais dos seis portátiles, repartíronse, tamén de xeito aleatorio, un total de 100 pen-drivers.
Estes foron os alumnos galardoados: Rebeca Díaz González, Francisco Loira Beceiro, María Montserrat Seijas Patiño, Alba Presedo Arnoso, Roberto Castro González e Susana María Varela Rivera. Segundo informa a UDC, a listaxe completa de estudantes gañadores, tanto dos que obtiveron un portátil como dos beneficiarios cun pen-driver, poderá consultarse nos taboleiros de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade e da Vicerreitoría de Ferrol e de Relación Universidade-Empresa.
O obxectivo deste sorteo (organizado por vez primeira con este curso) é promover no posible o uso das novas tecnoloxías entre o alumnado, amais de “facilitar ós alumnos o trámite no ingreso na universidade evitando facer incómodas colas de espera nos centros”, sinalou a UDC.

PUBLICIDADE