ShinyTweet facilita o uso de Twitter no iPad

xoves, 13 de maio do 2010 Marcus Fernández

Se en algo destaca Twitter é nas facilitades que ten para o seu acceso dende o móbil, especialmente dende o iPhone, plataforma para a que temos diversidade de aplicacións que facilitan o uso deste sistema de microblogging (e, en breve, unha aplicación oficial de balde baseada en Tweetie 2), pero cando saltamos ao iPad a situación é ben diferente, e as ferramentas aínda non están optimizadas para o maior tamaño de pantalla, o que solucionou con bastante fortuna ShinyTweet, unha nova aplicación que pode mercarse na App Store por 2,99 euros e opta por distribuír a información en paneis horizontais con bastante acerto.
ShinyTweet conta cunha interface baseada en columnas reorganizables, soporta múltiples contas, buscas, temas, mensaxes directos e favoritos, permite almacenar tuiteos na súa caché, acepta retuiteos (tanto no formato estándar coma no da vella escola), integra acortadores de enderezos web (bit.ly) e moitas outras características que irá mellorando en versións sucesivas, como unha mellora na súa estabilidade (actualmente presenta serios problemas con linguas distintas do inglés), soportará tuiteos xeolocalizados e outros cambios que permitirán un uso máis completo desta interesante ferramenta que demostra as bondades de que certas plataformas web gocen de API abertas.


Demostración do funcionamento de ShinyTweet no iPad