SmartPEME achega tres obradoiros sobre ciberseguridade, Google e o metaverso

luns, 8 de abril do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se celebrarán de xeito telemático, abordarán cuestións ligadas á ciberseguridade, ao emprego de Google para a promoción de empresas e ao metaverso.
As accións formativas comezarán este luns, 8 de abril, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, fallos de seguridade nos modelos de IA xenerativa. A través deste taller, impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire, preténdese dar a coñecer as precaucións que se deben tomar á hora de empregar ferramentas de Intelixencia Artificial xerativa como Chat GPT ou Copilot.
O mércores 10, de 12:00 a 13:00 horas, será a quenda de Promociona o teu negocio co perfil de empresa de Google a cargo de Adrián Fernández, asesor de empresas no ámbito da comunicación dixital e a mercadotecnia en liña. Este obradoiro está destinado a aqueles pequenos negocios que buscan obter unha maior visibilidade grazas aos datos obtidos pola xeolocalización ou polas procuras da súa potencial clientela.
Finalmente o xoves 11, a partir das 11:00, Manuel Freire, impartirá o taller Horizon Workrooms – obradoiro desde o metaverso na plataforma Horizon Workrooms coa que poder asistir a reunións a través dun avatar, ou de xeito telemático mediante a pantalla do dispositivo. No obradoiro explicaranse as principais características desta ferramenta, así como introducirase ás persoas asistentes nas intelixencias artificiais xeradoras de textos e imaxes.

PUBLICIDADE