SmartPEME comeza marzo con catro obradoiros sobre seguridade, mercadotecnia en liña e impresoras 3D

martes, 2 de marzo do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da rede de formación tecnolóxica SmartPeme, oferta esta primeira semana de marzo catro novas accións formativas online para seguir estendendo a capacitación informática nas súas manifestacións máis avanzadas (e útiles) entre as pemes, as persoas autónomas e as e os profesionais da provincia. As accións versan sobre o perigo de sufrir un ciberataque, sobre novas ferramentas de Instagram para o turismo, sobre como deseñar unha estratexia de mercadotecnia a través de correos electrónicos sobre como axustar impresoras 3D.
O programa comezou este luns co obradoiro COVID-19 e Ciberseguridade en 2021, a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica. O martes 2 será a quenda de Novas Ferramentas de Instagram para Turismo, que será impartido por Mariana Rosa, graduada en Turismo.
Pola súa banda, o mércores 3, a posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas Fátima Faílde, impartirá Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Márketing e, o xoves 4, contarase novamente coa participación de Manuel Freire, que dará continuidade aos anteriores obradoiros sobre impresoras 3D en Impresión 3D VIII-Axustes de Impresora.

PUBLICIDADE