Sony confía en que LittleBigPlanet dispare as vendas da PS3

luns, 11 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Aínda que os xogos Metal Gear Solid 4 e Grand Theft Auto IV foron grandes impulsores das vendas da PlayStation 3 en todo o mundo, Sony ten moitas esperanzas na agardada creación que verá a luz no mes de outubro e que é LittleBitPlanet, un xogo de Media Molecule protagonizado por uns bonecos feitos de tea de saco que non estará tan dirixido aos xogadores hardcore senón que apostará por un público máis xeral.
O produtor do xogo, Eric Fong, declarou que «vai ser un vendeconsolas» pois este título exclusivo para PS3 que entra no xénero das plataformas ofrece moito máis, como a posibilidade de que os usuarios creen os seus propios contidos (coma niveis do xogo) polo que a diversión sería pouco menos que ilimitada.
A chegada de LittleBigPlanet tamén está a ser moi agardada polo mero feito de que se trata dunha novidade absoluta, xa que os últimos éxitos para as consolas de nova xeración se limitaron a ser secuelas de grandes sagas coma GTA, FIFA ou Guitar Hero.


Un dos diversos trailers do agardado LittleBigPlanet

PUBLICIDADE