Sony presenta as tarxetas SD máis rápidas do mercado
xoves, 23 de febreiro do 2017
Aínda que a principal carreira nas tarxetas de memoria era
polo incremento da súa capacidade, as fotografías en formato RAW e o vídeo en
ultra alta definición converten a súa velocidade en elementos críticos, de aí
que resulten moi interesantes as novas tarxetas
SD de Sony, da serie SF-G, que con capacidades de 32, 64 e 128 GB presumen
de velocidades de lectura de 300 MB por segundo e de escritura de 299 MB por
segundo, o que resulta especialmente atractivo para os fotógrafos que queren
realizar disparos continuos a alta resolución.
A velocidade de lectura de 300 MB por segundo tamén resulta moi práctica á hora
de transferir vídeos 4K ou imaxes en alta resolución ao ordenador, resultando
de agradecer este aforro de tempo no caso de profesionais que teñen que
entregar o material capturado o antes posible. Cómpre lembrar que para tirar
proveito das elevadas velocidades desta tarxeta temos que contar con cámaras e
equipos compatibles coa interface UHS-II.
Estas tarxetas de memoria, das que aínda non se coñece o prezo de venda ao
público (sairán á venda o mes que vén), tamén gozan dunha grande resistencia,
sendo capaces de resistir auga, temperaturas extremas, golpes e raios X.