Starlink mellora a súa oferta comercial en España

martes, 23 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O servizo de acceso á Internet mediante satélites de baixa altura de SpaceX, Starlink, continúa a mellorar a súa oferta para España, e agora elimina a cota de 50 euros de activación se queremos contratar o seu servizo residencial alugando o equipamento (a opción máis recomendable, xa que custa 450 euros, o que pode resultar difícil de amortizar).
Deste xeito, un usuario que non teña boa cobertura de banda larga mediante tecnoloxías tradicionais pode contratar o servizo de Starlink por 40 euros/mes, aos que habería que engadir 10 euros de aluguer do equipamento e 9 euros de taxas polo uso do espectro radioeléctrico, ou sexa, que a mensualidade sería de 59 euros/mes, e o único cargo extraordinario serían os 23 euros de gastos de envío do equipamento.
Falamos dunha conexión que en Galicia achega unha velocidade de descarga media de entre 176 e 273 Mbps, unha velocidade de subida media de entre 20 e 30 Mbps e unha latencia de entre 33 e 48 milisegundos, condicións moi superiores ao ADSL ou á oferta de Movistar chamada Conecta Rural, que por 65 euros/mes (ao que habería que sumar 145 euros de alta e instalación) ofrece unha conexión de baixada de até 30 Mbps e até 800 Kbps de subida.

PUBLICIDADE