TAG Heuer lanza o seu primeiro smartwatch

martes, 10 de novembro do 2015 Marcus Fernández

O achegamento dos fabricantes de reloxos tradicionais ao sector dos smartwatches está a ser moi heteroxéneo, e TAG Heuer quixo xogar ao seguro, de xeito que preferiu manter a liña marcada polos seus reloxos de titanio da serie Carrera, aos que engadiulle tecnoloxía desenvolvida en colaboración con Google, ou sexa, que cos TAG Heuer Connected temos novos smartphones con Android Wear, pero cun acabado de luxo, de aí que o seu prezo parta de 1.350 euros.
Cómpre destacar que a adopción de Android Wear é bastante atinada, xa que actualmente este tipo de reloxos son compatibles tanto con smartphones con Android coma co iPhone, polo que funcionarían con case todos os teléfonos de alta gama dispoñibles actualmente, e ao manter corpo de titanio e cristal de zafiro, consérvase o nivel de calidade ao que están afeitos os clientes de TAG Heuer.
O novo smartwatch ten un diámetro de 46 milímetros, un grosor de 12,8 milímetros e un peso de 52 gramos, ou sexa, que sería un reloxo de pulso bastante voluminoso, o que permítelle acoller sen problema a electrónica para que funcione Android Wear.
Está equipado cunha pantalla transreflectinte de 1,5 polgadas cunha resolución de 360 x 360 píxeles, procesador de dobre núcleo a até 1,6 GHz (funciona normalmente a 500 MHz), 1 GB de RAM (elemento no que supera a practicamente todos os smartwatches do mercado, posiblemente pensando nun ciclo de vida maior), 4 GB de almacenamento interno, xiroscopio, motor háptico, Bluetooth 4.1, Wi-Fi N, batería de 415mAh con carga por USB (cunha autonomía mínima de 25 horas cun uso normal) e correa de caucho vulcanizado que está dispoñible en sete cores distintas (verde, azul, laranxa, vermello, branco, negro e amarelo).
Un detalle curioso é que dende TAG Heuer aseguran que se tras 2 anos un cliente considera non estar conforme coa experiencia dun reloxo conectado, poderá cambiar o smartwatch por un modelo mecánico (un TAG Heuer Carrera).

O reloxo pódese adquirir con correas de 7 cores distintas

Vídeo promocional do TAG Heuer Connected

PUBLICIDADE