TCL podería presentar un smartphone BlackBerry con teclado QWERTY no CES

venres, 23 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Imaxe filtrada do rumoreado smartphone BlackBerry Mercury (ou DTEK70)

A semana pasada TCL Communication fíxose cargo da fabricación dos móbiles da marca BlackBerry e confirman que van acudir ao CES de Las Vegas para presentar os que serán os vindeiros smartphones BlackBerry, deixando ver como será o legado da marca no mundo móbil, ao que o presidente e director xeral da compañía, Steve Cistulli, está a contribuír con mensaxes crípticas en Twitter nas que fai referencia ás vellas máquinas de escribir, ou sexa, que daría a entender que recuperarán os teclados QWERTY.
Temos así que o rumoreado BlackBerry Mercury, que posiblemente reciba o nome comercial de DTEK70, sería un dos novos terminais que fabricará TCL baixo a marca BlackBerry, e que presentaría un deseño moi semellante a outros móbiles da marca canadense. Aínda que haberá que agardar ao CES, os rumores apuntan a que estariamos ante un smartphone con pantalla de 4,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 625 e 3 GB de RAM, polo que podería considerarse como unha versión de gama media do terminal BlackBerry Priv.

PUBLICIDADE