Telefónica oferta o ultraportátil Asus Eee PC 701 con banda larga móbil

mércores, 2 de xullo do 2008 Marcus Fernández

A presentación española do ultraportátil de Asustek contou coa presenza de Rosa García, de Microsoft

O ordenador ultraportátil de baixo custo de referencia no mercado é o Asus Eee PC 701, que foi o que iniciou a febre por este tipo de equipos de alta portabilidade (vendendo unhas 800.000 unidades a nivel global), aínda que a España non chegou ata hai pouco máis dun mes.
O feito de que estes equipos sexan doados de transportar fainos moi atractivos para as operadoras de telecomunicacións, e como exemplo temos que agora Telefónica incorpora ao seu catálogo o ultraportátil de Asustek, permitindo aos seus clientes adquirilo xunto cun modem USB Huawei E220 e unha tarifa plana de datos para conectarse á Rede dende calquera lugar polo atractivo prezo de 249 euros.
Os usuarios que queiran conectarse con este equipo dende calquera parte a través da rede 3G de Movistar poden optar a tarifas de datos que van dende os 30 euros/mes ata os 59 euros/mes segundo a intensidade de uso que teñan prevista.
Esta oferta parece axeitada para a xente que queira levar un equipo a todas partes durante o verán, mentres que os usuarios máis esixentes, e que agarden empregar o equipo con certa frecuencia deberían agardar ao mes de setembro, cando Movistar pensa comercializar de xeito semellante o ultraportátil Asus Eee PC 900, que inclúe máis capacidade de RAM e de disco, unha pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles (o que permite ver axeitadamente a meirande parte das páxinas web actuais) e un novo modelo de modem de Huawei.
Lembremos que o Asus Eee PC 701 é un equipo bastante básico, con só 512 Mb de RAM, 4 Gb de disco de memoria sólida, pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, e o modelo comercializado por Telefónica vén co sistema operativo Windows XP preinstalado, polo que o seu prezo en tendas sería duns 329 euros (ao que habería que engadir o prezo do modem USB, que operadoras coma Simyo venden libre por 99 euros, de xeito que esta oferta suporía unha rebaixa substancial).

PUBLICIDADE