Trump acusa a Google de agochar as novas positivas sobre a súa persoa
martes, 28 de agosto do 2018
O presidente dos EE.UU., Donald J. Trump, estende a súa
guerra contra os medios de comunicación á Google, e denuncia a través de Twitter
que o
buscador só amosa entre os seus resultados as informacións de medios que el
considera fake news, ou sexa, que
dá prioridade ás novas na súa contra, e asegura que o 96% dos resultados sobre
novas da súa persoa corresponden a medios aliñados coa esquerda, e sostén que tomará
medidas contra este control da información que ten Google.
As acusacións semellan estar baseadas nun artigo
de Paula Bolyard para PJ Media que é un auténtico despropósito, estando
baseado nunha división
entre medios de comunicación de dereitas e de esquerdas moi pouco obxectiva
que tampouco pondera a profesionalidade dos medios, de xeito que coloca
practicamente ao mesmo nivel un micromedio incendiario que a un xornal de sona
internacional. O artigo é
simplemente unha teoría da conspiración, sen fundamento real, que non
supera nin un escrutinio superficial.
Pero o principal problema das acusacións de Trump é que con realizar unha busca
en Google News xa vemos que o que di non é certo, e os medios pro-Trump non
están tan agochados, e realmente a queixa dos partidarios de Trump é que Google
non dea prioridade a cabeceiras irrelevantes nas que prima a opinión fronte a
medios de comunicación con máis de medio século de vida e un bo posicionamento
na Rede.