Trunfa en Indiegogo unha batería externa que pode cargar incluso ordenadores portátiles

venres, 19 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos cobraron grande popularidade as baterías externas, que permite recargar os nosos dispositivos móbiles, pero por desgraza limítanse a trebellos que poden achegar a carga por USB, de xeito que deixan fóra ordenadores portátiles, cargadores de baterías de cámaras fotográficas e outros dispositivos, e para superar tal carencia chega a Indiegogo a batería Omnicharge, que sorprende ao integrar dous portos USB de carga rápida (até 4,8 amperes) e unha toma de corrente para enchufes estándar, de xeito que poderiamos conectarlle practicamente calquera trebello.
Esta revolucionaria batería externa conta cun deseño compacto, unha pantalla OLED con información sobre a carga en tempo real, opción para carga sen fíos, opción para carga a través dun conector tradicional ou unha toma USB-C, opción para elixir entre un enchufe americano ou europeo e dous modelos con distintas capacidades. Por unha banda estaría a batería Omnicharge con 13.600 mAh de capacidade, que podería cargarse en só 2 horas e podería achegar até 65 watts a través do seu enchufe tradicional, mentres que a batería Omnicharge PRO chegaría até os 20.400 mAh, tardaría 3 horas en cargarse e podería entregar até 100 watts de corrente alterna, o que serviría para alimentar moitos dispositivos (non só cargadores de baterías e pequenos adaptadores de corrente) como ordenadores portátiles.
O prezo da batería Omnicharge estándar sería de 109 dólares, mentres que a Omnicharge PRO custaría 139 dólares, tendo que engadir 18/24 euros de gastos de envío, de xeito que custarían 112 e 144 euros respectivamente, prezos bastante inferiores aos que pretenden ter estes dispositivos cando cheguen ao mercado, de aí que non sorprenda que xa superasen o millón de dólares na súa campaña de micromecenado, quedando 17 días para completala e tendo que agardar os mecenas ao mes de outubro para comezar a recibir estas atractivas baterías portátiles.

Ao contar cunha toma de corrente estándar as baterías Omnicharge poder cargar practicamente calquera trebello

Vídeo de presentación das baterías Omnicharge

PUBLICIDADE