Twitter muda a súa cronoloxía para destacar os chíos máis importantes

mércores, 10 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun ano Twitter estreou unha funcionalidade consistente en amosar unha recompilación de chíos relevantes das contas que seguimos e que puideron pasársenos por alto mentres non estabamos a empregar Twitter, e agora anuncian que van afondar nesta tecnoloxía, aínda que mediante un ángulo un chisco diferente, que a nosa cronoloxía non estará formada só por chíos en orde cronolóxica inversa, senón que incluirá unha recompilación de chíos importantes (escolmados mediante intelixencia artificial) para evitar que as persoas que seguen en Twitter a centos ou milleiros de persoas non teñan a sensación de que se perderon as publicacións máis importantes.
Esta función poderá activarse/desactivarse dende o menú de configuración de Twitter, e só estará presente cando nos conectamos a Twitter tras un tempo desconectado, de xeito que con refrescar xa podemos acceder aos novos chíos rapidamente, pasando á experiencia de uso habitual.
Polo momento esta nova funcionalidade está a aplicarse paulatinamente entre os usuarios de Twitter, de xeito que tardará semanas en espallarse globalmente, e para gozar da mesma é preciso activala na configuración de Twitter marcado que queremos que o sistema nos amose “os mellores chíos primeiro”.
Dende Twitter aseguran que estarán atentos á resposta dos seus usuarios, para ir mellorando esta nova funcionalidade.

PUBLICIDADE