Un panel con teclas LCD busca axudar ás retransmisións en directo de videoxogos

venres, 24 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Os teclados que integran pequenas pantallas nas súas teclas, contando así con interaccións máis completas e en dúas direccións, non son ningunha novidade, pero o seu prezo é un grande atranco para a súa adopción, pero dende Elgato consideraron que entre o público gamer poden ter saída, e así presenta o Stream Deck, un panel que integra 15 teclas LCD e que sairá á venda en maio a un prezo de 149,95 euros.
O Stream Deck busca que os xogadores que están a retransmitir as súas partidas a través de YouTube e Twitch teñan unha nova ferramenta para relacionarse coa súa audiencia, xa que as teclas deste panel poden lanzar até 210 accións evitando a necesidade de memorizar atallos de teclado. Preténdese así axilizar a integración de imaxes animadas, vídeos e cortes de audio durante as emisións en directo, contando así con numerosas opcións personalizables, e podendo definirse escenarios para ter distintas accións programadas en función dos mesmos.
O panel mide 118 x 84 x 21 milímetros, pesa 190 gramos, conéctase ao ordenador a través de USB 2.0 e pode funcionar tanto en Windows 10 de 64 bits como en macOS 10.11 ou superior.

Vídeo promocional do Stream Deck de Elgato

PUBLICIDADE