Vueling presenta un buscador de voos 2.0

venres, 18 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Vueling, a compañía de baixo custe, vén de desenvolver un buscador de voos ligado á filosofía das redes sociais. A xuízo da empresa, falaríamos do primeiro procurador 2.0 do mercado que abrolla do sector, o que entre outras cousas quere dicir que o usuario, o viaxeiro, estaría en disposición de participar máis activamente nas pescudas e gozar dun trato máis personalizado. O servizo apóiase directamente no Facebook, unha rede social a través da que poderemos incorporar a ferramenta (o buscador de Vueling) no noso perfil e compartilo logo coas amizades en liña, así como incluílo no blog ou páxina web que teñamos en activo.
Esta nova funcionalidade”, informa a compañía, “responde á evolución tecnolóxica na que está mergullada a compañía e cuxo obxectivo é achegar solucións eficaces e dinámicas aos novos hábitos dos consumidores”. Podemos atopar o servizo na páxina que a firma ten no Facebook. Resumindo, a idea básica é permitirnos, logo de ter integrado a ferramenta no noso perfil, facer procuras de voos dunha maneira máis doada, “sen que sexa preciso abandonar o sitio de Internet no que nos atopemos”.

PUBLICIDADE