Windows Phone 8 comeza a recibir actualizacións

martes, 11 de decembro do 2012 Marcus Fernández

O HTC Windows Phone 8X é o primeiro móbil con Windows Phone 8 en pode gozar de conexións Wi-Fi persistentes

Nas últimas horas os usuarios de todo o mundo do móbil HTC Windows Phone 8X están a recibir a súa primeira actualización de software over-the-air (OTA) alcumada como Portico e que supón tanto unha corrección de erros como unha incorporación de novas prestacións a Windows Phone 8. Entre os fallos corrixidos estarían os que provocaban que o móbil se reiniciase sen motivo aparente, e como característica nova moitos usuarios agradecerán a aparición dunha nova opción de configuración que permite que as conexións Wi-Fi permanezan activas cando se apague a pantalla do móbil (algo fundamental se queremos estar sempre conectados á rede dende o noso dispositivo móbil).
Outras novidades importantes sería a posibilidade de gardar mensaxes de texto como borradores (ou sexa, que non perderemos o texto tecleado se interrompemos a súa redacción), a posibilidade de elixir varias mensaxes de texto para o seu borrado masivo e tamén a opción de rexeitar chamadas entrantes con mensaxes de texto tipo "mándame un SMS" ou "estou ocupado, chamarei logo" que poden pre configurarse.
Estamos ante unha serie de pequenas melloras que simplemente axudan no uso diario de Windows Phone 8 e non supoñen unha grande actualización como a que coméntase que podería chegar a primeiros de 2013.

PUBLICIDADE