World of Goo vende máis rápido no iPad que noutras plataformas

xoves, 10 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

O atractivo e orixinal xogo World of Goo, que leva 2 anos no mercado na súa versión para PC e que neste tempo saltou a novas plataformas repetindo o seu éxito, sorprende polo feito de que a súa versión para iPad vendeu unhas 125.000 copias no seu primeiro mes, converténdose na versión que máis rápido vendeu, pois na Wii quedara nas 68.000 copias e a versión de PC comercializada a través de Steam conformouse con 97.000 unidades.
O máis curioso de todo é que a versión para iPad de World of Goo chegou un ano despois que as outras versións, polo que os desenvolvedores de 2D Boy están impresionados polo feito de que o seu vello xogo poida comportarse coma un título novo, o que xustifican no seu blog dando un repaso aos elementos que consideran que puideron contribuír ao seu éxito como conseguir unha boa promoción (tanto polas canles tradicionais coma conseguindo que a aplicación apareza destacada na App Store), ter un prezo atractivo, elixir un bo momento para o seu lanzamento e un chisco de sorte.
Actualmente World of Goo está á venda para iPad a un prezo de 3,99 euros, conseguindo neste tempo a consideración de Mellor Xogo do Ano para iPad por parte de TouchArcade e MetaCritic, ao que podería ter contribuído especialmente a súa adecuación ao sistema de control do iPad (pois o título estaba deseñado inicialmente para o seu uso co rato do PC, polo que o seu manexo na pantalla táctil pode ser incluso máis áxil e intuitivo).

JPEG - 47.8 KB
World of Goo no iPad conta cun control moi intuitivo

PUBLICIDADE