X está a repartir selos de verificación entre usuarios que non os queren

xoves, 4 de abril do 2024 Marcus Fernández

A telenovela dos selos de verificación en X/Twitter, actualmente desvirtuados ao conseguirse pagando unha subscrición, estrean un novo capítulo tras anunciar Elon Musk que as contas de X con máis de 2.500 seareiros cunha subscrición de pagamento á plataforma recibirán de balde as características dunha subscrición Premium, mentres que os que superen os 5.000 seareiros deste tipo recibirán as características dunha subscrición Premium+.
Estamos ante unha táctica que na práctica o que consegue que as contas con moitos usuarios reciban un selo de verificación pese a non pagar polo mesmo, disfrazando o xeito de que non están a pagar e incluso destacando como verificados a usuarios que non desexan ser marcados cunha etiqueta que actualmente detestan, pois está asociada a usuarios con comportamentos tóxicos que pagan para conseguir unha visibilidade e un recoñecemento artificial. De feito, os usuarios que realmente pagan para gozar das vantaxes das contas Premium en grande medida marcan unha opción que permite ocultar o agora repudiado masivamente selo de verificación.
O tempo dirá se esta práctica para branquear os selos de verificación consegue mellorar a súa percepción e non só medran as subscricións de pagamento a X, senón tamén se incrementa o número de subscritores de pagamento que optan por lucir o selo voluntariamente.

PUBLICIDADE