Xa é oficial o Mi 6X de Xiaomi

mércores, 25 de abril do 2018 Marcus Fernández

A pasada noite presentouse oficialmente o novo smartphone Mi 6X de Xiaomi, que é especialmente relevante xa que o seu predecesor, o Mi 5X, foi o elixido como hardware para o Mi A1, polo que confíase en que este novo terminal coincida a nivel de hardware cun futuro Mi A2.
O novo smartphone diferénciase claramente do seu predecesor por adoptar unha pantalla con proporción 18:9 de 5,99 polgadas e resolución Full HD+, o que dálle unha aparencia máis estilizada, á vez que tamén renovou as súas especificacións técnicas, de xeito que agora temos un procesador Qualcomm Snapdragon 660, 4/6 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno e batería de 3.010 mAh con QuickCharge 3.0 (que permite cargar a metade da batería en 30 minutos); aínda que a ninguén se lle escapa que un dos seus puntos fortes serán as súas cámaras, xa que na súa traseira inclúe cámara dual de 20 e 12 Mpíxeles cada obxectivo con sensores Sony (o obxectivo principal ten unha apertura de f/1.75), mentres que a cámara frontal tamén é unha xenerosa cámara con sensor Sony de 20 Mpíxeles.
O Mi 6X chegará cun corpo de metal en cores bastante rechamantes, cargará a batería por USB-C, terá un grosor de só 7,6 milímetros e un peso de 166 gramos. Os seus prezos tamén serán bastante axustados, de xeito que o modelo máis básico, con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento sae á venda en China por 1.599 iuans (207 euros), con 6 GB de RAM sube até os 1.799 iuans (233 euros) e, finalmente, o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento custará 1.999 iuans (259 euros).

O Mi 6X aposta por corpos nunha atractiva gama de cores
Na traseira do Mi 6X podemos ver a súa cámara dual e o seu sensor de pegadas dixitais

PUBLICIDADE