Xiaomi presenta o móbil con mellor cámara do mercado

martes, 11 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Aínda que a súa popularidade en España é relativamente recente (non contou con distribución oficial até finais de 2017) a compañía chinesa Xiaomi está a celebrar os seus primeiros 10 anos de vida, e como símbolo deste fito presentan o Mi 10 Ultra, un smartphone de elevadas prestacións que busca sorprender co seu zoom de 120x, a súa pantalla cun refresco de 120 Hz e a súa carga rápida con cable de 120 watts (sen fíos cargaría a 50 watts e podería cargar outros dispositivos a 10 watts). Para conseguir que este teléfono chegue ao mercado coa cabeza ben alta non só está en cabeza neses valores numéricos, senón que na análise realizada por DxOMark sitúase ao Mi 10 Ultra como o móbil con mellor cámara traseira do mercado con 130 puntos, superando a móbiles tan relevantes como o Huawei P40 Pro (128 puntos), o Samsung Galaxy S20 Ultra (122 puntos) e o iPhone 11 Pro Max (117 puntos).
O Mi 10 Ultra sae á venda en China o 16 de agosto a un prezo que parte dos 5.299 iuans (650 euros) para a súa versión con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, aínda que estará dispoñible en configuracións con até 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno a un prezo de 6.999 iuans (859 euros), deixando claro que estamos ante un móbil de alta gama.
Dende Xiaomi con conscientes do peso que teñen as cámaras neste tipo de smartphone, polo que quixeron equipalo cunha cámara traseira cuádrupla cun sensor ultra zoom 120x, un sensor para retratos de 12 Mpíxeles, un ultra grande angular de 20 Mpíxeles e un sensor de grande tamaño de 48 Mpíxeles. A cámara consegue imaxes nítidas baixo condicións de baixa luminosidade, conta con estabilización óptica e incluso é capaz de gravar vídeo en 8K e permite rexistrar vídeo en HDR e HDR10 a nivel de hardware.
A súa batería de 4.500 mAh non só é xenerosa en capacidade, senón que tamén ten unha carga moi rápida, de xeito que co adaptador de corrente incluído pode completar o 41% da súa carga en 5 minutos e chegar ao 100% en só 23 minutos, sorprendendo especialmente o feito de poder realizar unha carga completa sen fíos en só 40 minutos.
Este impresionante smartphone ten unha pantalla curva OLED Full HD+ de 6,67 polgadas cun refresco de 120 Hz e un sensor táctil a 240 Hz, o seu procesador Qualcomm Snapdragon 865 garante unha boa potencia, a súa memoria LPDDR5 e o seu almacenamento UFS 3.1 tamén facilitan un desempeño extraordinario, e incluso conta cun sistema de refrixeración mediante cámara de vapor que permite usos prolongados do smartphone cun desempeño estable.
Para completar o dispositivo temos que conta con Wi-Fi 6, 5G, NFC, emisor de infravermellos e lector de impresións dixitais en pantalla. Polo momento non se coñece nin a data nin o prezo ao que chegará a Europa.

JPEG - 74.1 KB
O Mi 10 Ultra ten unha perforación en pantalla para a súa cámara frontal de 20 Mpíxeles e baixo a pantalla tamén agocha un lector de impresións dixitais

PUBLICIDADE