Xuventude e Voluntariado segue a apostar pola Rede para achegarse á mocidade

luns, 1 de abril do 2013 Marcus Fernández

O prazo de inscrición para XGN14 abrirase o vindeiro luns

Durante a Semana Santa a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado quixo facer balance da súas presenza nas redes sociais Facebook Twitter e Tuenti, nas que suman un total de 11.500 seareiros, e que responde a unha aposta pola Internet como canle para conectar coa mocidade iniciada en 2009 pola entidade, o que parece todo un acerto, pois estes perfís sociais orixinan máis da metade do tráfico total da páxina web de Xuventude, que durante 2012 rexistrou 260.000 usuarios.
Os seareiros da Dirección Xeral repártense do seguinte xeito: 6.589 en Facebook, 3.865 en Twitter e 1.134 en Tuenti. Cómpre destacar que un dos factores que máis contribúen ao seguimento de Xuventude a través da Internet é a celebración da festa informática Xuventude Galicia Net, que entre os días 10 e 12 de maio vai celebrar a súa 14ª edición, abríndose a súa inscrición dentro de xustamente unha semana.
Precisamente Twitter e Facebook poden servir como boas plataformas para estar ao día sobre o que nos deparará esta LAN Party e, especialmente, para non deixar pasar a súa data de inscrición, pois habitualmente as prazas dispoñibles para participar no XGN esgótanse a grande velocidade.

PUBLICIDADE