Zarpamos celebra unha xornada de traballo con 2 das súas empresas participadas

martes, 3 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Manuel García na xornada de traballo cos promotores de KollectBox

A primeiros de ano a aceleradora de empresas Zarpamos, dirixida por Manuel García, desenvolveu un concurso para seleccionar os proxectos emprendedores aos que contribuír para facelos realidade ou conseguir que superen os seus atrancos iniciais para facelos viables, peneirando unha serie de iniciativas entre as que destacou KollectBox, un servizo orientado a coleccionistas e desenvolvido dende Braga; que da man da aceleradora coruñesa está a aplicar o modelo Lean Startup para validar o seu modelo de negocio antes de saír ao mercado de xeito público.

Luís García dando conta do estado actual dos investimentos en emprendemento en España

Para avanzar nos obxectivos marcado, o pasado venres celebrouse unha xornada de traballo cun par de empresas participadas por Zarpamos, entre as que figuraba este interesante portal para coleccionistas, que neste momento atópase na procura do seu target de clientes, e que aproveitou a xuntanza na Coruña para analizar os datos obtidos ata o momento, como paso previo a unha viaxe a Reino Unido para entrevistar e reunirse en persoa con posibles clientes e extraer así toda a información precisa para desenvolver as funcionalidades da plataforma.
Nesta xuntanza na que os expertos economistas e socios de Zarpamos, Luís García e Rafael Vázquez fixeron unha introdución ao estado actual dos investimentos en emprendedores en España, así como os requisitos para acceder aos mesmos, tamén estivo presente outro interesante proxecto, FanDanZ, unha aplicación que quere converter ao móbil na nosa parella de baile. Nacho Bagnato é o promotor deste desenvolvemento que xa ten un target definido e que xa está a traballar con early adopters para mellorar o produto, para o que na xornada do pasado venres contou coa colaboración do experto en mobile business, Hernán Rodríguez.

FanDanZ quere converter o móbil nunha parella de baile