Zegona materializará a compra de Vodafone España na primeira metade do ano

xoves, 15 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Margherita Della Valle, conselleira delegada do Vodafone Group

Zegona anunciou en outubro a súa intención de facerse co control de Vodafone España, e tras recibir as autorizacións da CNMC e da Comisión Europea, ten aínda pendente as autorizacións do Ministerio para a Transformación Dixital e de Función Pública (por mor da transmisión de espectro entre compañías) e do Consello de Ministros (por tratarse dun investimento directo estranxeiro nunha empresa estratéxica para o país), polo que a previsión de que a compra podería pecharse no primeiro trimestre de 2024 podería ser demasiado optimista.
Na conferencia de prensa de presentación dos resultados do terceiro trimestre fiscal do Vodafone Group, a conselleira delegada da compañía, Margherita Della Valle, sinalou que prevén que a operación se complete «nun futuro non moi afastado», pero agora matiza que a previsión actual é que a venda a Zegona se materialice na primeira metade de 2024.
Non se espera que haxa ningún tipo de oposición por parte das autoridades, pois non podemos esquecer que Zegona adquiriu en 2015 o operador Telecable, e foi o principal accionista de Euskaltel até a súa venda ao Grupo MásMóvil, polo que o fondo de investimento non debería espertar a desconfianza dos organismos reguladores.

PUBLICIDADE