eBay busca apoios na Rede para ceibar de atrancos o comercio en liña

luns, 27 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O servizo de poxas en liña eBay vén de pór en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para solicitarlles aos representantes políticos europeos que adapten o regulamento vixente sobre dereito da competencia cara a un sistema de compravenda internacional máis libre. En detalle, o que pretende a empresa con esta campaña de correos electrónicos é que se modifique a normativa europea co fin de impedir que as marcas comerciais poidan poñer atrancos sobre o trasfego dos seus produtos en canles alleas, sendo eBay un exemplo de canle allea prexudicada. Por certo que a campaña da empresa, que só lle chega por e-mail ás usuarias e usuarios rexistradas/os, responde a movementos concretos por parte de compañías que consideran que a venda en servizos de poxa dos seus produtos incentiva a práctica do fraude e máis a imitación sobre os mesmos (cando en realidade o que se incentiva é o acceso máis libre aos mesmos, sinala eBay).
Para o servizo de subhastas en liña, os sistemas dos que fai uso non só son positivos para o comercio libre, senón que tamén contribúen ao respecto polos produtos mesmos que chegan aos seus tecidos de compravenda, dato que, engade, coñece calquera usuario cun aquel de experiencia (eBay conta con certos recursos para protexer aos mellores e máis fiables vendedores e compradores e para pecharlles as portas a todos aqueles que opten por enganar ou roubar). Segundo conta a empresa na campaña, o ratio de falsificacións é de unicamente o 0,15%, e iso, engade, non xustifica os atrancos que as marcas queren impoñer para, teoricamente, protexer os seus produtos. Por certo que de prosperar estas accións contra eBay e contra as webs que levan a cabo actividades da mesma liña, as medidas restritivas afectarían a todos os obxectos en compravenda, sen ter en conta se son novos ou de segunda man, orixinais ou finalmente imitacións.

PUBLICIDADE