iblazr2: novo flash externo para dispositivos móbiles

luns, 22 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Aínda que os flashes dos smartphones son cada vez mellores, na meirande parte dos casos estragas as fotografías que queremos tirar, de aí que non sorprende que o proxecto de Kickstarter para financiar un flash externo para dispositivos móbiles que pode sincronizarse coas aplicacións nativas de cámara conseguise completar o seu financiamento en poucos días, de xeito que será unha realidade no mes de setembro.
O iblazr2 presume de ser o flash LED sen fíos máis versátil para iOS e Android, e ofrécese por 45 dólares (39,56 euros) a través de Kickstarter, o que levou a centos de mecenas a querer facerse con el, a que por un prezo relativamente contido promete unhas funcionalidades sen precedentes, que mellora substancialmente as fotografías con pouca luz, e incluso fai moi doado o seu disparo, xa que, tras ligar o flash co teléfono a través de Bluetooth 4.0, chegaría con dar un dobre toque no flash para disparar unha fotografía dende aplicación nativa do teléfono, sendo tamén posible distanciar o flash do teléfono para empregalo como flash remoto.
Outra das grandes vantaxes que ten este novo flash é que permite axustar a temperatura de cor de 3.200K a 5.600K, para conseguir sacar boas fotografías en distintas situacións, dándolle ás imaxes unha aparencia máis natural.
O iblazr2 é moi compacto (mide 40 x 28 x 10 milímetros), ten unha batería recargable de 130 mAh que permite disparar unhas 300 veces cunha única carga ou até 3 horas de traballo continuo (pois tamén podería empregarse a xeito de facho para a gravación de vídeo), conta con efecto anti-ollos vermellos, permite axustar o brillo, ten control remoto de obturación, incluso un sensor táctil e incluso permite o uso conxunto de varios iblazr2 para conseguir iluminar de xeito uniforme unha zona ampla.

O flash comercializarase en 3 cores distintas

PUBLICIDADE