Granxafamiliar.com: un proxecto para impulsar explotacións familiares do rural galego, vía a Rede

martes, 31 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Imaxe vista no caderno de Manuel Bóo en Flickr.

O Colexio de San Xerome da Universidade de Santiago (USC) acolleu a presentación dun novo proxecto encamiñado a unir en Galiza o tradicional co innovador, poñendo en valor o primeiro e normalizando o segundo. Máis polo miúdo, do que se trata é de unir estes dous eidos: por unha banda, o das redes da información e, pola outra, o de todos aqueles produtos (carnes, verduras, hortalizas, lácteos) que levan séculos constituíndo a dieta por excelencia dos galegos. No proxecto, que xira arredor dun portal que aínda está en desenvolvemento (www.granxafamiliar.com), participarán nun principio unhas 30 explotacións familiares galegas pertencentes ós concellos de Antas de Ulla e Brión, concello este último que xa ten familiaridade coas posibilidades de Internet grazas á web Infobrión, administrada polo goberno local.
A iniciativa semella filla do seu tempo, sobre todo no seu carácter aberto: estímase que ó longo dos seus tres anos previstos de operatividade se vaian sumando novas granxas, e non se descarta o espallamento do modelo a outras bisbarras da nosa terra. Basicamente, a medida consistiría en poñer ó alcance da man destas familias as vantaxes de xestión, promoción e de distribución que achega Internet. Con este fin, cada granxa contaría na devandita web cun espazo para o seu uso, un microsite onde presentará os seus produtos concretos, ofrecendo servizos de información e a posibilidade de recibir visitas.
No proxecto participará a Universidade de Santiago, sobre todo atendendo ó valor da ferramenta web como sistema de información, xestionándoa e facendo o posible para favorecer o contacto entre os que mercan e os que venden. Asemade, concorren nesta proposta os Concellos de Brión e de Antas de Ulla, Caixa Galicia, a Fundación Feiraco e máis Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Cómpre sinalar que as granxas que comezarán a xestionar os seus produtos na páxina web están integradas nas redes de traballo da devandita entidade relixiosa e máis nas da Cooperativa de Feiraco. A USC colaborará na iniciativa a través do mantemento do servizo de e-mail e hosting do dito dominio Granxafamiliar.com e da arquitectura e o deseño da aplicación informática, amais de achegando asesoramento técnico en xeral. O director científico será o mestre do Departamento de Xeografía da USC Carlos Ferrás Sexto, quen asumirá as tarefas de responsable tecnolóxico.
Os obxectivos de Granxafamiliar.com non só pasan por reactivar as economías galegas domésticas do rural senón tamén por reactivar o uso mesmo da Rede, paliando até onde sexa posible os efectos negativos e de exclusión que achega a fenda dixital, ese espazo intanxible que se cadra é xa máis un muro ca unha fenda, polo que ten de atranco para a comunicación mesma (a través da fenda, aínda sería posible verse e facerse sinais dende as dúas beiras). Estes son os obxectivos, punto por punto:
· Promover o emprego das novas tecnoloxías da información como ferramentas de xestión e de comercialización de produtos tradicionais do eido familiar: mesturar o clásico co innovador.
· Incrementar as posibilidades das economías das rendas familiares da Galiza rural.
· Introducir no mercado a produción tradicional de autoconsumo das explotacións pequenas da nosa terra.
· Espallar o emprego das TIC e reducir a fenda dixital, cada vez máis ampla a medida que se incrementan as taxas de uso nas cidades e vilas e se manteñen iguais ou mesmo diminúen co despoboamento os índices de introdución tecnolóxica no resto de Galiza.
· Revalorizar a cultura do rural. Poñela de novo en activo, modernizándoa.
· Darlle un pulo á capacidade de desenvolvemento dos sectores tradicionais.
· Motivar a mozos e mozas para a mellora na potencialidade do agro e da gandería. Ou sexa: facerlles ver que o rural tamén achega oportunidades.
Antecedentes directos
Segundo comentou o reitor da USC Senén Barro durante a presentación do convenio para posta en marcha de Granxafamiliar.com, os antecedentes máis directos desta web sitúanse nos proxectos de investigación do University College Cork en Irlanda e máis o sitio www.granjafamiliar.com habilitado no concello de Elorrio en Vizcaia, co fin de pór no mercado da Península e mesmo no estranxeiro todo tipo de produtos vinculados co agro e coa carne de porcos e becerros das granxas deste termo municipal. A xuízo do reitor da USC, o proxecto deste concello de Euskadi é o único destas características do que se ten constancia no conxunto do Estado (xunto co de Brión e Antas de Ulla). Polo que puidemos ver na web da iniciativa de Elorrio, a idea pasa por impulsar a economía rural da comarca e, tamén, por evitar o despoboamento da mesma e a perda de memoria histórica, procesos que tamén constitúen hoxe unha grave ameaza para Galiza.
Para Senén Barro tamén é fundamental mencionar a web Infobrión como un antecedente claro de Granxafamiliar.com. Cómpre sinalar que este portal (desenvolvido polo Grupo de Investigación GIS-T IDEGA da USC, o Concello de Brión, o CEIP de Pedrouzos e o IES de Viceso), foi posto en marcha hai uns catro anos co obxectivo de contribuír, vía a Rede, ó desenvolvemento social, económico e cultura do concello de Brión.
A web, que segue en marcha como espazo virtual de encontro dos veciños, inclúe apartados para promover a cultura popular e a xeografía humana deste termo municipal. Conta cun arquivo sonoro, de vídeo e de imaxe, onde se recollen documentos acerca de octoxenarios, tradicións, deporte, costumes, hábitos de vida, historias de personaxes célebres, paisaxes, festas, música popular, viaxes dos veciños, etc.
Tamén inclúe un apartado chamado Cibereducación, no que (en palabras dos propios impulsores da iniciativa) “se pretendeu reforzar nos centros de ensino de Brión un entorno virtual que chegue a promove-lo uso das Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), que motive á comunidade escolar, profesores, alumnos e pais e nais de alumnos, á elaboración de materias informacionais para dito entorno virtual”.

PUBLICIDADE