José Luis Orihuela achégalles ás empresas para abrir mercado a golpe de blog

xoves, 9 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Orihuela amosando o seu libro La revolución de los blogs

Xa pasamos os tempos nos que as empresas de todo o mundo ollaban de esguello nos blogs, cunha mestura de interese e de desconfianza. Na actualidade, xa está máis que espallado en determinados sectores o costume de facer en blogs o que antes se facía en webs, en encontros empresariais ou de porta en porta: promoverse. Ademais, cóntase coa vantaxe da proximidade e dun formato que permite máis soltura ca outros. Ou sexa, que falar dende un blog do teu produto é como facelo cara a cara, na terraza dunha cafetería e con roupa de sport. Pero coidado, que non chega con habilitar un caderno e soltar o primeiro que se nos pase polos miolos. A competencia é dura, tamén nos blogs. Hai tantos, que o reto está en marcar a diferenza.
Segundo José Luis Orihuela (blogueiro dende hai 5 anos), que vén de publicar unha listaxe con todo aquilo que deberíamos facer dende o eido corporativo para tirar rendemento das bitácoras, o éxito neste senso pasa –entre outras cousas- polos seguintes puntos: achegar voz persoal á comunicación, manter actualizado o caderno, participar nas conversas até onde sexa posible e favorecer a creación de comunidade.

Presentación do Anuario de la Comunicación no que se recolle o artigo de Orihuela

Estes e outros puntos, que semellan pertencer a ese eido de cousas que caen de caixón, non se respectan en moitos espazos corporativos, que empregan os novos formatos para facer exactamente o mesmo que facían antes con outras canles, como por exemplo levar a cabo campañas “invasivas” de publicidade, pecharse ó diálogo cos clientes presentes e futuros (que poden en moitos casos achegar as claves que se procuraban para coller pulo no mercado) ou manterse no terreo do estritamente persoal (cando a comunidade pide cada vez máis historias propias, cotiás, reais, semellantes en certa maneira ás súas). Para Orihuela, existe unha gran cantidade de historias empresarias que merecen ser contadas, e o caderno web é “a mellor ferramenta para facelo”. E segue nesta liña: “Os arquivos do medio permiten, ademais, que os novos sempre teñan a posibilidade de acceder e explorar o pasado da empresa á que se incorporan”.
Para o blogueiro, hai unha serie de casos de éxito no manexo de blogs no empresarial:
· Bebés y más: http://www.bebesymas.com/
Blog temático de nicho patrocinado por Sanitas.
· Blog do Hotel del Pintor: http://www.hoteldelpintor.com/blog/
Blog corporativo dun hotel de deseño en Málaga.
· BlueBBVA: http://soy.bluebbva.com/
Rede de cadernos de música, fútbol e viaxes para a mocidade.
· Dentro de AdSense: http://adsense-es.blogspot.com/
Blog oficial do programa AdSense de Google orientado a editores de sitios web.
· FON Blog: http://blog.fon.com/es/
Blog do proyecto FON.
· Ingredientes: http://www.the-cocktail.com/ingredientes/
Blog corporativo da consultora The Cocktail.
· Vive la ciudad: http://www.vivelaciudad.es/
Rede de blogs de cidades creada por NH Hoteles.
· Vodafone 3GSM: http://www.vodafone3gsm.com/
Blog corporativo de evento para a cobertura do Congreso 3GSM.

PUBLICIDADE