A 16bit Pocket HDMI quere ser unha sorte de SNES mini portátil

venres, 29 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Aproveitando o pulo das consolas retro como a NES mini, hai uns meses saíu á venda no Xapón a FC Pocket HDMI, unha consola híbrida entre portátil e sobremesa que permite correr cartuchos da NES (incluíndo 112 xogos precargados) na súa pantalla de 7 polgadas ou tamén no televisor grazas á súa saída HDMI, e parece que o produto foi un éxito, porque agora os seus responsables, Columbus Circle, recuncan coa 16bit Pocket HDMI, revisión da máquina anterior que agora funcionará con xogos de Super Nintendo.
Esta curiosa consola retro que podemos ver como unha mestura entre a Nintendo Switch e a SNES mini sairá á venda no Xapón o 28 de febreiro a un prezo de 17.064 iens (126,47 euros) incluíndo un par de mandos sen fíos semellantes aos da consola Super Nintendo para conseguir unha experiencia o máis fiel posible á orixinal, aínda que cómpre advertir que este produto non é oficial de Nintendo (de aí que non inclúa unha boa colección de xogos precargados coma no caso da SNES mini nin tampouco poida garantir a compatibilidade ao 100% con todos os xogos de Super Nintendo).

A consola portátil inclúe un par de mandos sen fíos cun formato semellante ao da SNES orixinal

PUBLICIDADE