A Cátedra de Feminismos 4.0 promoveu un maratón creativo para combater as violencias na Rede
venres, 10 de novembro do 2023
Tres artistas e deseñadoras formadas na UVigo
compartiron este 10 de novembro, xoves, unha xornada de traballo
conxunto na Casa das Campás, onde
se desenvolveu o primeiro Maratón de Creacións Dixitais Feministas
da Cátedra de Feminismos
4.0 Depo-UVigo, impulsada pola institución académica viguesa e
a Deputación de Pontevedra co obxectivo de “incrementar a presenza
das mulleres nas áreas STEM e de evitar que se reproduza a
desigualdade de xénero no ámbito dixital”. O maratón, unha das
novidades do programa da Cátedra para 2023, buscou xerar un conxunto
de obras dixitais con licencia Creative Commons que puideran
empregarse “contra as violencias de xénero nas redes”, como
sinalan desde 7h Cooperativa Cultural, responsable das dinámicas de
traballo desta xeira de traballo.
Para esta iniciativa foron seleccionadas tres
creadoras de diferentes ámbitos, que traballan por primeira vez
conxuntamente neste proxecto.
Egresada da Facultade de Comunicación, unha delas
foi a deseñadora gráfica Raquel Boo Anderson, quen foi fundadora do
estudio Ekinocio Comunicación e que tomou parte activa no colectivo
Gráficas en Negro, que traballa pola perspectiva de xénero no
deseño. Graduada en Belas Artes e egresada do mestrado en Deseño e
Dirección Creativa en Moda, a artista, poeta e deseñadora Lupita
Hard foi outra das protagonistas deste maratón. O seu traballo esta
vinculado ao mundo do grafitti, a arte contemporánea, o animalismo e
o feminismo e é coñecida polas súas intervencións no ámbito
urbano. Por último, este equipo de traballo completouse coa filóloga
e artista multidisciplinar Xandra Táboas, graduada en Estudos de
Galego e Español pola UVigo, quen emprega nas súas creacións
elementos como a poesía, a escrita experimental, a instalación, as
artes do movemento ou o vídeo e a fotografía.
Todas elas, acudiron a esta xornada co bosquexo
dunha peza propia, co obxectivo de que servise como punto de partida
para logotipo, a través dunha serie de dinámicas individuais e
grupais, comezar a dar forma ás diferentes obras. Os resultados
deste maratón presentaranse o vindeiro xoves 16, na Facultade de
Comunicación, nunha nova edición do workshop Sociedade
dixital e xénero Hackeando o patriarcado da Cátedra
de Feminismos 4.0. Estas dúas actividades insírese á súa vez na
programación da Unidade de Igualdade da UVigo con motivo do 25N.
Ecosistema dixital feminista: a feminisfera en
construción será o lema da quinta edición deste workshop,
que busca promover unha reflexión sobre a creación de contidos
feministas e a construción da denominada “feminisfera ou
ecosistema feminista online”, como forma de frear as novas
estratexias patriarcais que se manifestan a través da misoxinia
dixital da manofesra, a comunidade de homes que comparten
contidos sexistas ou antifeministas nas redes. O obxectivo, sinalan
desde a organización, “é coñecer como se está construíndo”
esa feminisfera no ámbito dixital, a través da análise e
do traballo das creadoras de contido e das artistas e activistas
dixitais, “para así identificar, visualizar, tecer redes e
reflexionar sobre a misioxinia presente” nas redes.
A xornada poderá seguirse tanto de xeito
presencial, na Facultade de Comunicación, como a través de UVigo
TV, e nela participarán mulleres referentes en xénero nos
ámbitos da investigación, o xornalismo, a arte, a poesía, a
ilustración ou a creación audiovisual. O evento arrancará coas
intervencións da investigadora María Isabel Menéndez, centrada na
análise feminista da comunicación na prensa, a publicidade, o
cinema, a televisión e produtos culturais dixitais; a xornalista e
ciberactivista Andrea Momoitio, socia fundadora da revista feminista
Pikara Magazine. A continuación terá lugar unha mesa
redonda na que participarán a ilustradora Sara Herranz, autora da
reedición ilustrada de A muller rota de Simone de Beauvoir;
a artista Gemma Marqués, responsable do espazo de creación
alternativa La Casa Taller, na Guarda; e a poeta a creadora
audiovisual Nuria Vil, coa directora da Unidade de Igualdade, Águeda
Gómez, como moderadora.
A xornada pecharase coa presentación das pezas
resultantes deste maratón, que a partir de aí estarán dispoñibles
para a súa descarga, á vez que se difundirán a través das redes
socias co cancelo #Insumusers, que toma o seu nome dun
colectivo francés de videoartistas da década de 1970. Así mesmo,
durante a xornada tamén estarán expostos os pósters das seis
investigacións financiadas pola cátedra neste 2023.
