A Coruña inaugura un novo acubillo de emprendemento e innovación, Accede Papagaio
xoves, 6 de outubro do 2016
Na mañá de onte
A Coruña estreaba o novo Centro de Empresas Accede Papagaio,
un viveiro municipal para promover iniciativas empresariais locais
marcadas pola innovación. Á inauguración deste punto empresarial
asistían: o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, o concelleiro de
Emprego e Economía Social, Alberto Lema, membros da Corporación
municipal e representantes de institucións e entidades do tecido
empresarial da cidade. Indo ao espazo en cuestión, cómpre sinalar
que consta de 74 módulos de traballo, atópase no centro da cidade e
conta con 700 metros cadrados, ten capacidade para acoller a un total
de 62 módulos que darán acubillo tanto a empresas en fase de
preincubación (aínda por constituír) como empresas que non superen
os dous anos dende o seu nacemento.
Alén dos espazos encamiñados ás iniciativas
empresariais, Accede Papagaio posúe instalacións destinadas a
outros fins. É o caso do espazo Nube, con capacidade para 12 módulos
de traballo, pensado para persoas que non vaian ter unha estadía
permanente no centro. O Papagaio tamén ten un espazo Conecta, de 170
metros cadrados, de cara a potenciar o networking a través de
charlas, xornadas, debates e outras actividades colectivas.
Asemade, o Centro de Empresas Papagaio achegará
cursos de formación municipais que terán temática empresarial. De
feito, na tarde de onte tiña lugar a primeira sesión das Xornadas
Planeta Coworking, que contou coa presenza de emprendedores
salientables en traballo colaborativo como Raúl do Pozo Ortés
(director executivo e socio fundador de Cink Emprende), Manuel Zea
(CoworkingSpain) e Vanessa Sans (consultora de Happy Working Lab).
Engadir que as persoas interesadas en optar ao uso
deste centro poden presentar a súa solicitude ao Concello, xa que
Accede Papagaio conta cun sistema de convocatoria aberta e de
carácter permanente. As bases reguladoras sinalan que un comité
técnico (conformado por: persoal municipal, representantes da
Universidade da Coruña, IGAPE, Cámara de Comercio e entidades do
sector privado especializadas en materia de emprendemento) avaliarán
os proxectos que queiran asentarse no dito espazo. Dende hoxe, o
comité técnico, encargado de avaliar os proxectos que optan a
entrar no Papagaio, esta a analizar xa as primeiras solicitudes.
Para máis información sobre
Accede Papagaio (bases da convocatoria para a presentación de
solicitudes e requisitos para optar ao uso das instalacións) cómpre
visitar a súa web
ou o Facebook.
