A Deputación de Lugo renova a súa web de reservas en catamarán pola Ribeira Sacra

mércores, 23 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

A Deputación de Lugo pon en marcha unha nova web de reservas para as rutas fluviais pola Ribeira Sacra que estará operativa dende este xoves 24 de febreiro. O novo espazo, segundo informou a Deputación, é máis accesíbel e visual, así como máis preciso para que o visitante poida programar de maneira áxil e intuitiva a súa experiencia en catamarán.
Aínda que o portal ofrece a posibilidade de modificar as reservas, a Deputación aconsella programar as viaxes con antelación, xa que se pode formalizar o proceso de maneira sinxela dende un móbil, ordenador ou calquera dispositivo. Os usuarios e usuarias poden consultar as tarifas e prezos reducidos para a xente nova, estudantes, persoas xubiladas, ou nenos e nenas de ata 3 anos, que viaxarán de balde. Tamén está habilitado un espazo profesional para facilitarlle a xestión de reservas ás axencias de viaxes.
Nesta nova tempada, manteranse a ruta fluvial Canón do Sil e a do Cabo do Mundo; cunha duración de dúas horas aproximadamente cada unha. Na ruta Canón do Sil, contarase cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en dúas travesías; pola súa banda, a ruta Cabo do Mundo contará cunha capacidade de 63 viaxeiros.
Tanto na ruta dos Canóns do Sil como na do Cabo do Mundo, os días da semana nos que se poderá navegar variarán en función do mes do ano. Para facer as reservas, deberase ter en conta datas como Semana Santa, o Día das Letras Galegas ou a ponte de Todos os Santos.

PUBLICIDADE