A EE de Telecomunicación despide preto dun cento de estudantes
luns, 4 de xuño do 2018
Este
primeiro
de xuño celebrouse na Escola de Enxeñería de Telecomunicación o
acto de graduación da quinta promoción do Grao en Enxeñaría de
Tecnoloxías de Telecomunicación e da terceira do Máster en
Enxeñaría de Telecomunicación. En total, graduáronse 69
estudantes da primeira e 20 da segunda das titulacións. O acto foi
presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; a comisionada para o
Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo e o director da Escola, Íñigo
Cuiñas. Na cita participaron tamén Alfredo Ramos, director xeral de
R, e Iago Soto, director executivo (CEO) da firma galega Quobis.
Ramos e Soto lembraron cadansúa experiencia na EET (ambos
tituláronse nesta escola) e fixeron un percorrido polas carreiras
profesionais, animando ás/aos estudantes presentes a tomar o vieiro
da innovación e o emprendemento TIC.
En
palabras de Cuíñas, Ramos e Soto representan “dúas traxectorias
profesionais de éxito, unha dirixindo un operador de
telecomunicacións territorial pero cunha implantación moi
importante e o outro como emprendedor cunha empresa en crecemento e
que dá emprego a máis de 35 enxeñeiras e enxeñeiros saídos da
escola”. O director da EET reivindicou na súa intervención o
papel das e dos “telecos na evolución da sociedade dende a
etapa industrial á era da información e o coñecemento”. Segundo
explicou, “as tecnoloxías, os procedementos, os sistemas, os
desenvolvementos de moitos profesionais da telecomunicación, saídos
da escola de Vigo e de tantas outras, levan ao mundo máis aló do
imaxinado hai un feixe de anos”.
Cuiñas
convidou aos estudantes a “seren os actores da nova sociedade
tecnolóxica”, unha “nova liga” na que as TIC “permitiranvos
exercer a vosa profesión en calquera sector da nosa economía”.
