A ESEI de Ourense amósase ao detalle en Google Street View

venres, 20 de novembro do 2015 Redacción

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (Campus de Ourense) vén de abrir as súas instalacións a Google Street View e as súas novas posibilidades (o servizo non se limita xa a achegar percorridos virtuais polo exterior dos edificios senón que tamén fornece a opción de percorrermos o interior de empresas e entidades). Segundo informa a dirección do centro, o ourensán Fernando Sacó, fotógrafo certificado polo servizo do buscador en liña, foi a persoa encargada de realizar as fotografías panorámicas (arredor de 60) da Escola. A orixe da iniciativa abéirase ao plan de mellora do centro e dos seus sistemas de calidade (cumpría ofrecer máis información e información máis accesible sobre os recursos da Escola).
Grazas a este traballo e unha vez publicadas as fotografías de alta calidade, as persoas interesadas xa poden percorrer de xeito virtual e cunha panorámica de 360 graos a entrada do edificio, o salón de graos, o salón de actos, a sala de lectura, a aula magna, laboratorios, seminarios e aulas de docencia. Segundo explican desde a ESEI, a posta en marcha deste servizo de Google Bussiness View permitirá aos potenciais ou futuros alumnos e alumnas do centro e ás persoas que se teñan que achegar a el por temas de investigación, docencia ou outras actividade coñecer de xeito doado, detallado e atractivo as características físicas da Escola e as súas instalacións antes de visitalas en persoa. “É unha acción”, apuntan, “que permite non só ofrecer información e xerar confianza senón tamén publicitar o centro e dalo a coñecer dun xeito acorde á súa aposta polas novas tecnoloxías e a innovación, como corresponde a unha Escola Superior de Enxeñaría Informática”.