A Finca Mouriscade aposta pola eficacia e a operatividade na súa nova web
mércores, 30 de agosto do 2017
A semana
pasada a Deputación de Pontevedra presentou a nova web da Finca
Mouriscade, unha presenza na web que salienta por querer incluír
un extra de eficacia e operatividade na actividade da estación. Ou
sexa, por estar concibida para que as comunicacións entre os
usuarios deste laboratorio dependente da Deputación e os seus
responsables sexan o máis rápidas e doadas posibles (facendo
especial fincapé en que os resultado das análises se reciban o
antes posible). A web foi dada a coñecer pola deputada provincial
Eva Vilaverde, no salón de actos do laboratorio, acompañada pola
xefa do servizo, María Hermida, e polo responsable de portais web
da Deputación, Rubén Gómez. Coincidiron na necesidade de acometer
a renovación (logo de 17 anos de actividade dixital previa) e nas
facilidades de uso que pon en xogo a nova páxina, “máis intuitiva
e accesible”.
Segundo fixo saber Eva
Vilaverde, o sitio fornece de acceso privado para os usuarios,
achegándolles unha área de consulta de resultados aos que poderán
ter conexión, tamén, a través de dispositivos móbiles.
Precisamente unha das grandes novidades é a versión para móbil e
para tableta, “porque non podemos esquecer que hoxe en día moito
traballo se realiza desde este tipo de dispositivos, o que mellora a
nosa capacidade de resposta”, sinalou a deputada delegada de Finca
Mouriscade, lembrando que o laboratorio de Finca Mouriscade superou
as 85.500 mostras recibidas para análise durante o pasado ano e que
a día de hoxe e desde o 1 de xaneiro de 2017 xa se recibiron preto
de 52.000 mostras.
Vilaverde engadiu que “é
unha satisfacción dispor dunha páxina web máis operativa, porque
segue no camiño de mellorar o servizo que se fai desde a propia
finca e chegar mellor ao sector, permitindo que as persoas usuarias
accedan máis rápido e teñan un recurso doado de utilizar”.
A deputada tamén fixo
fincapé nos idiomas nos que se poderá acceder á páxina. Se ben
neste momento está operativa nos idiomas galego e español, nas
vindeiras semanas habilitarase tamén o inglés e o portugués,
“atendendo aos clientes de fóra do país, e nomeadamente aos do
norte de Portugal”. Lembrou tamén que a esta nova páxina xa se
pode acceder a través do enderezo mouriscade.depo.es
e ao longo dos vindeiros meses iranse implementando novos contidos e
servizos, a maiores dos relativos ao laboratorio.
